Asina a petición europea contra a enerxía nuclear!
Un conxunto de organizacións ambientalistas, entre elas Friends of the Earth,están a promover unha recolla de sinaturas en Europa contra a enerxía nuclear, que aspira a lograr un millón de sinaturas de cidadáns e cidadás europeos. Verdegaia asinou a petición como organización e convídate a facer o mesmo a título persoal. Asina por unha Europa libre de nucleares!. Máis de 300.000 persoas xa o fixeron.
A política nuclear europea áchase nunha encrucillada. A loita contra o cambio climático e a necesidade de garantir o subministro eléctrico son argumentos empregados polo lobby nuclear para defender a prolongación da vida útil das centrais nucleares existentes e a construción de novas centrais. O 20 aniversario da catástrofe de Chernobyl vén de lembrarnos os riscos asociados á enerxía nuclear. Desde 1986, houbo polo menos 22 accidentes importantes que liberaron sustancias radiactivas desde centrais nucleares.
A enerxía nuclear segue sendo un problema, non unha solución. Non precisamos unha enerxía insegura, que deixa un perigoso legado de residuos radiactivos, custosa, centralizada, cuxa tecnoloxía pertence a uns poucos. O que precisamos son investimentos masivos en eficiencia e en renovábeis. E unha cultura da suficiencia fronte ao produtivismo e o consumismo.
En Galicia, non producimos electricidade de orixe nuclear, pois, felizmente, non prosperou o intento de FENOSA nos anos 70 para construír unha central nuclear en Xove (Mariña luguesa). Porén, tamén sufrimos as consecuencias da enerxía nuclear, ao soportarmos o vertido de residuos radiactivos fronte ás nosas costas até comezos dos anos 80. E non estamos libres da ameaza nuclear.
Asina a favor da Petición Europea contra a Enerxía Nuclear!
Martes, 16 Maio 2006
Fonte: www.verdegaia.org



No hay comentarios »
RSS Feed for comments on this post | TrackBack URI
There are currently no comments for this post..