Invitación a Os Fachós
Desde Castro Caldelas fannos unha invitación:
Xa estamos en Xaneiro e como sabedes este é o mes no que celebramos o San Sebastián, que en Castro Caldelas arrinca de víspera coa festa dos Fachós.
Con motivo desta festa queremos convidar a todos os que o desexen a vir ó Castro, e de paso, informar que ademais das visitas habituais ó pobo, durante todo este mes temos unha preciosa exposición de XOGUETES ANTIGOS (1890-1940) no Centro Comarcal de Terra de Caldelas, prestados temporal e xenerosamente por Manolita Castro (Restaurante O Roupeiro) para que podamos recordar (ou imaxinar) como se xogaba noutros tempos “algo menos tecnolóxicos”.
Nos archivos adxuntos vai un pouco mais ampliada a información.
Esperamos que vos apeteza a idea de visitarnos nestas datas.
A festa de San Sebastián, ou “Festa dos Fachós”, é , indubidablemente, unha das máis orixinais e curiosas de cantas existen hoxe en día.
A celebración comeza xa na caída do día 19 de Xaneiro. As xentes, provistas dos fachós (grandes feixes de palla a modo de antorcha), vanse concentrando na entrada da vila pola estrada de Ourense. Faise tamén un fachón moi grande que pode chegar a medir 35 metros, que portan varios veciños da vila. En canto se fai totalmente de noite, o disparo dun foguete luminoso indica o momento de prender os fachós, e co estampido da primeira bomba ponse en marcha, precedida de gaiteiros, unha sorprendente procesión.
Entre berros de alegría a procesión cruza a Praza do Prado e avanza polas empedradas rúas de Cima de Vila, ata alcanzar o atrio da antiga igrexa parroquial. As campás acompañan durante toda a procesión. O regreso faise pola rúa do Sol finalizando no adro. Unha vez neste, reúnense os fachós formando unha gran fogata, arredor da cal bailan vellos nenos e adultos. É típico degustar neste momento produtos típicos da zona como son os chourizos asados, a bica mantecada, o licor café e, como non, a queimada. A festa prolóngase ata altas horas da madrugada.
A orixe e motivo desta celebración non está clara. Corren explicacións e lendas para todos os gustos. Así, dise que o desfile reproduce o que os cristiáns realizaron, tamén de noite e con fachós, na busca do corpo do mártir San Sebastián. Outro senso ten a historia que motiva o feito nunha suposta peste que azoutaría a vila e comarca aló polo 1653. O lume e o aventado dos fachós terían unha intención sanitaria e relacionaríanse coa obrigada desinfección, segundo uns, ou ben sería o recordo dunha procesión similar, nocturna, ata o santo para rogarlle a súa axuda naquel trance, solicitude que sería atendida de inmediato. Outros tamén vencellan esta tradición ós incendios que a vila sufriu ó longo da súa historia.
O certo é que a “Festa dos Fachós”, da cal so hai documentación precisa dende mediados do século XVIII, non coincide con ningún evento sinalado no ciclo astronómico, como ocorre con outras festas de lume.
Como cada ano, así que nos temos recuperado do Nadal e xusto en pleno sprint final da costa de Xaneiro en Castro Caldelas celebramos a festa dos FACHÓS.
É o día 19, véspera de San Sebastián (o segundo no escalafón das festas patronais), e xusto cando escurece é cando nos xuntamos no adro da igrexa parroquial, en torno a unha gran pira que esperará a que todos os FACHÓS volten da súa procesión ó redor do casco antigo do pobo, rodeando por completo ó Castelo medieval que nos identifica a todos os Caldelaos.
Cada quen leva o seu FACHÓN que sae ardendo dende a igrexa despois de que inicia a procesión o FACHÓN GRANDE, cando soan as bombas de palenque.
Todos teñen que chegar aínda alumeando despois de percorrer a zona vella.
¡Coidado! é lume e as rúas estreitas!, hai que “manter a distancia de seguridade” axudar ós novatos que se lles apaga o FACHÓN por non saber desatalo á tempo ou por levalo do revés, tamén hai que vixiar que os nenos se protexan ben do frío e do fume con bufanda ó redor da boca e o nariz.
¿Fai frío?, (¡claro é Xaneiro!) e ás veces neva! pero aínda así ninguén queda na casa, a festa pode mais. E despois do paseo do santo de palla: a enorme fogata no adro da igrexa, os chourizos asados e o viño da Ribeira Sacra recompoñen ós mais pintados.
Logo soan os gaiteiros ou a charanga de turno e a bailar todo o mundo, nada de orquestras, isto é unha festa das de antes, das auténticas e populares, por iso veñen os mellores; aínda que non sempre se pode este ano cae a venres e algúns teñen que traballar (se non piden a tarde) e/ou están lonxe e non chegarían a tempo. O día non se cambia, noutros lugares todo se pasa ó fin de semana pero aquí a véspera do San Sebastián segue sendo o 19 de Xaneiro, a tradición é a tradición e por iso son auténticas as nosas festas porque as respectamos dende sempre.
¡¡¡¡¡¡¡ VIVA O SAN SEBASTIÁN!!!!!!!
(… … ………………… … … ………)
Os que xa teñen vido mais anos saben cómo se responde ó berro de ¡Viva o San Sebastián!, se ves por primeira vez hai que estar atentos para aprendelo.
Centro Comarcal de Terra de Caldelas
PLAZA DE LA TORRE S/N 32760 Castro Caldelas (OURENSE)
Teléfono: 988 20.46.30 – Fax: 988 20.33.38 e-mail:cctcaldelas@comarcasdegalicia.com
HORARIO DO DÍA 19 HORARIO DO DÍA 20
DE 10:00 A 14:00 DE 11:00 A 14:00
DE 16:00 A 19:00 DE 16:00 A 19:00
Saudos
Promotoras do Centro Comarcal Terra de Caldelas


